A XGN R Encounter prepárase xa para a súa 23ª edición, na que profesionais e afeccionados/as á informática e as novas tecnoloxías poderán desfrutar dunha cita á súa medida do 13 ao 15 de outubro.
Esta lanparty, a maior de Galicia, contará coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet, nos dous pavillóns principais do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda), con 10.000 metros cadrados cada un deles. Así mesmo, como é habitual, a tarde previa á inauguración, o 12 de outubro ás 16.00h, abrirá as súas portas de forma non oficial na súa xornada pre-party, para facilitar o acceso gradual dos/as inscritos/as. Estes/as poderán usar xa os seus equipos, aínda que será unha xornada destinada sobre todo á realización de traballos técnicos e posta a punto do evento na que se farán probas para garantir a estabilidade da conexión.
Respecto á Intranet, orientada a estes/as rexistrados/as, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións, con 20 xigas de velocidade no recinto, grazas á operadora galega R. Ademais, terán dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas. Pola súa banda, a Extranet ofrecerá durante os dous primeiros días, o 13 e 14 de outubro, un interesante programa de propostas tanto para os/as participantes como para quen visite o recinto.
Na organización de ambas as áreas traballan intensamente a Feira Internacional de Galicia ABANCA, R, colaboradora e patrocinadora oficial por sétimo ano consecutivo desta gran lanparty galega, e a Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, impulsora deste evento ao que de novo presta o seu apoio.
Un esforzo conxunto co que estas entidades pretenden avanzar para que a XGN R Encounter se converta na segunda gran lanparty a nivel nacional. Un reto vinculado ao Grupo Euskaltel e a súa Fundación, a cal celebra desde hai máis de 30 anos no País Vasco a Euskal Encounter, a maior party de España.
Un fabuloso programa
Estes días están a pecharse as múltiples actividades que incluirá o programa da XGN R Encounter 2023, con fantásticas propostas que combinarán formación e entretemento. Competicións, talleres ou conferencias serán só algunhas delas.