A XGN R Encounter ultima xa o programa da súa 23ª edición, que se celebrará do 13 ao 15 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. A proposta deste ano volverá compaxinar a formación, a aprendizaxe e o entretemento en máis de cincuenta actividades relacionadas coa informática, as novas tecnoloxías e o lecer electrónico.
En canto ás dirixidas exclusivamente aos rexistrados, a Intranet da XGN R Encounter incluirá competicións de arte dixital, centradas en curtametraxe, gráficos 3D, ilustración e música dixital, concurso de dobraxes e fotografía, retoque fotográfico, fast compos e anime music vídeo. Ademais, en hardware contará con diversas actividades, entre elas modificación e personalización de equipos; a Open Led Race, unha carreira onde os participantes deben facer avanzar a súa cor led por un circuíto a través dun pulsador; granxas de impresoras 3D ou obradoiros, como os centrados en refrixeración líquida para pc, mantemento e prolongación da vida útil das tarxetas gráficas dun ordenador ou manexo dende cero de Arduino, unha plataforma de código aberto para construír proxectos electrónicos.
Así mesmo, os participantes poderán tomar parte no apartado de software libre, no AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo. Ademais, organízanse torneos de numerosos videoxogos, entre eles League of Legends, Valorant, Rocket League, FC 24, Mario Kart 8, StreetFighter 6 ou Sims. E, como sempre, haberá tamén divertidos xogos como o Trivial de cinema e de xogos ou “A Procura de Org Piece”, un torneo con distintas probas de temática pirata.
Zona de acceso libre
A Extranet, área á que poden acceder tanto os rexistrados como os visitantes ocasionais do recinto, incluirá durante os dous primeiros días da party interesantes conferencias e obradoiros con títulos como “Robótica educativa”, “Erros e solucións máis comúns da impresión 3D”, “Xogo de memoria Simon con Arduino”, “Soldadura de compoñentes electrónicos” ou “Cosplay” (actividade consistente en confeccionar e/o usar disfraces e accesorios para representar un personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic). Sumaranse áreas de videoconsolas, de lentes de realidade virtual ou de simuladores de videoxogos, ademais de futbolín, ping pong, xadrez ou pistas deportivas.
Unha programación que conferirá gran atractivo a esta 23ª edición, que conta con R como colaboradora e patrocinadora oficial por sétimo ano consecutivo e tamén co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, impulsora da party.