Silleda, 12 de outubro de 2023.- A XGN R Encounter 2023 abre mañá as súas portas oficialmente e marca o inicio dunha nova cita coa informática, as novas tecnoloxías e o lecer electrónico, que volverán ser protagonistas un ano máis.
Os dous pavillóns principais do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda), de 10.000 metros cadrados cada un, acollerán nesta 23ª edición a máis de 800 inscritos/as, superando así a cifra de rexistrados/as do ano pasado e confirmando que o certame continúa a súa senda de crecemento tras a pandemia.
As persoas rexistradas na party -cuxo número aínda pode aumentar, pois a inscrición segue aberta na web do evento- dispoñerán dun posto para o seu equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén dun amplo programa de propostas e torneos exclusivos. E todos eles terán a posibilidade de navegar, grazas a R, a unha velocidade de ata 20 Gbps.
Ademais, os/as participantes na Intranet da XGN R Encounter poden acreditarse e instalarse desde primeira hora desta tarde, cando a party acende motores de forma non oficial para realizar probas e facilitar o acceso, aínda que o evento e o programa non comezarán realmente ata mañá.
Formación e entretemento conxugaranse tanto nesta área Intranet como na zona aberta da party, denominada Extranet, que contará durante os dous primeiros días cun interesante programa ao que poderán acceder gratuitamente os/as inscritos/as e tamén os/as visitantes que se acheguen diariamente ao recinto.
Medio centenar de propostas
Nesta 23ª edición a XGN R Encounter sumará na Intranet e a Extranet máis de 50 actividades con gran atractivo.
En canto ás dirixidas exclusivamente aos inscritos, a Intranet incluirá competicións de arte dixital, centradas en curtametraxe, gráficos 3D, ilustración e música dixital, concurso de dobraxes e fotografía, retoque fotográfico, fast compos e anime music vídeo. Ademais, en hardware contará con diversas actividades, entre elas modificación e personalización de equipos; a Open Led Race, carreira onde os participantes deben facer avanzar a súa cor led por un circuíto a través dun pulsador; granxas de impresoras 3D ou talleres, como os centrados en refrixeración líquida para pc, mantemento e prolongación da vida útil das tarxetas gráficas dun computador ou manexo dende cero de Arduino, plataforma de código aberto para construír proxectos electrónicos.
Así mesmo, os participantes poderán tomar parte, no apartado de software libre, no AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo. Ademais, organízanse torneos de numerosos videoxogos, entre eles League of Legends, Valorant, Rocket League, FC 24, Mario Kart 8, StreetFighter 6 ou Sims. E, como sempre, haberá tamén divertidos xogos como o Trivial de cinema e de xogos ou “A Procura de Org Piece”, un torneo con distintas probas de temática pirata.
A Extranet, pola súa banda, incluirá durante os dous primeiros días da party obradoiros con títulos tan interesantes como “Robótica educativa”, “Erros e solucións máis comúns da impresión 3D”, “Xogo de memoria Simon con Arduino”, “Soldadura de compoñentes electrónicos” ou “Cosplay” (actividade consistente en confeccionar e/o usar disfraces e accesorios para representar unha personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic). Sumaranse áreas de videoconsolas, de lentes de realidade virtual ou de simuladores de videoxogos, ademais de futbolín, ping pong, xadrez ou pistas deportivas.
Todo iso dotará de gran variedade a esta edición que conta con R como colaboradora e patrocinadora oficial por sétimo ano consecutivo e co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, impulsora da party.