Silleda, 14 de outubro de 2023.- A 23ª XGN R Encounter, que desenvolve hoxe a súa segunda xornada no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, centrou as actividades formativas desta edición na intelixencia artificial, a robótica e a impresión 3D.
Así, as máis de 800 persoas que participan no evento, ademais de quen se achega a visitar a Extranet, de acceso libre e gratuíto, poden acudir ás conferencias que se están levando a cabo sobre estas temáticas.
Durante as xornadas de onte e hoxe, expertos en tecnoloxía están a impartir charlas sobre aspectos como a resolución dos problemas máis habituais na impresión en 3D, onde os/as participantes aprenden a identificar e resolver estes erros, obteñen experiencia práctica e comparten coñecementos con outros entusiastas deste tipo de impresión. Tamén se desenvolven talleres sobre as múltiples aplicacións da robótica educativa, para aprender a programar un robot dende cero dispoñendo mesmo dun deles á hora de poñer en práctica o programado.
Todas as accións formativas están a desenvolverse de forma colaborativa e participativa, co bo ambiente como norma xeral e "como mellor estratexia para gozar aprendendo", segundo afirma Víctor Pardo, un dos expertos encargados destas formacións.
Tamén os xogos e competicións en marcha dan boa mostra do carácter tecnolóxico e didáctico do evento. Así, a competición de software libre reúne aos maiores expertos informáticos do evento e proponlles unha serie de retos que deben superar utilizando a intelixencia artificial e a programación. Todo un desafío para quen se inscribe, pero que ademais lles proporciona unha oportunidade para aprender grazas á interacción co resto de participantes e cos organizadores expertos nesta área.
Outras propostas
A estas conferencias e talleres súmanse outros que contan tamén con gran interese, como os centrados en refrixeración líquida para pc, mantemento e prolongación da vida útil das tarxetas gráficas dun computador ou soldadura de compoñentes electrónicos. Do mesmo xeito que as competicións tamén se estenden á arte dixital, á personalización de equipos, aos videoxogos ou a divertidos xogos como o Trivial de cinema ou “A Procura de Org Piece”, un torneo con distintas probas de temática pirata.
Todo iso, sumado ás distintas áreas de simuladores, lentes de realidade virtual ou actividades deportivas, conforman un programa con máis de 50 propostas que conxugan aprendizaxe, entretemento e diversión.
En canto ás actividades da zona de acceso libre, a Extranet ofrece interesantes propostas ata hoxe ás 20.00h, mentres que a área exclusiva para inscritos, a Intranet, continuará a súa actividade ata mañá.
Será entón cando se entreguen os premios dos torneos e remate esta vixésimo terceira edición da party, que conta con R como colaboradora e patrocinadora oficial por sétimo ano consecutivo e co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, impulsora da party.